lunes, febrero 20, 2006

A miña literatura

OS CABEZUDOS

Boureo, gargalladas, asubíos e voces familiares que chamaban por uns e outros, espertaron a curiosidade de Fuquiño, que o mesmo ca outros días seguía a xogar engaiolado no seu cuarto, cos soldados, indios, carretas, cabaliños...e todo canto formaba parte da súa aventura americana.
Deixou semellante aparato de guerra enriba dunha desfeita cama e baixou, esquecendo os chanzos da escaleira, polo pasamáns que o conducía deica a tenda de ultramarinos na planta baixa da casa e onde, nese intre, despachaba a nai. Pasou pola beira do mostrador e cando alcanzou a porta que daba á rúa, unha sensación estraña tomaba posesión do seu corpo perante a escena que estaba a contemplar: Diante dos seus abraiados ollos, desfilaban como media ducia de esperpénticos e ridículos corpos humanos que sostiñan, ingrávidamente, unha desproporcionada e grotesca cabeza. As cores verdes, azuis, vermellas, rechamantes, daqueles cabezudos reclamaban, insistentemente, a atención do Fuquiño. Aqueles ollos sen vida, grandes, porcelanosos, afundidos no esborranchado e retorto cartón. Aquela boca especial, que aínda por riba, deixaba adiviñar unha cabeza diminuta pero harmoniosa daquel desagradable ser..., que de súpeto comezou a falar:
-Fuquiño, non teñas medo. Mira son eu: Pepe. Anda, achégate, xa verás como non che pasa nada.
¡Era o que faltaba!. Fuquiño non o pensou máis. Igual ca un catavento desnortado saiu coma un foguete cara o lugar que lle proporcionaría acubillo e o libraría das risas dos maiores: “A Curra.”
A irmá, que se decatara do acontecido, marchou tras el e atopouno á beira da mainceira chorimicando e case sen folgos. Aloumiñouno, calmouno, regaloulle un biquiño, e colléndoo da man, reveloulle que os “monstros” eran amigos do barrio disfrazados así de estrafalarios, e que non habían voltar.
Fuquiño asentiu, e borrando a derradeira bágoa coa man, camiñou moi de vagariño ó abeiro da súa irmá.

1 Comments:

At 4:01 p. m., Blogger Fuco_Paz_Souto said...

"Os cabezudos"é un relato autobiográfico (como todos os meus)que narra o medo, case diría arrepío, que sentía -sendo neno- polos cabezudos.
Non sei exactamente que pensaba o que eran; mais, de certo, que me amedoñaban ¡e moito!
A anguria que pretendo transmitir, a través do relato, era o que experimentaba nese momento, insoportable para min.

 

Publicar un comentario

<< Home